20051123

Quen manda aquí?

Que Galiza é unha terra de caciques é aceptado. Que os tempos dos caciques xa pasaron, eso non está tan claro. Onte entereime de que o Concello recibiu un fax ordenando a detención das obras na factoría de Meirengos (A Devesa). Ben, pois...
1. As obras seguiron despois do fax.
2. No pleno, a pesar de que houbo preguntas ó respecto (Manuel Valín) o fax non foi considerado nas respostas.
3. Álvarez Cascos, empresario da empresa Acuinor que trata de facer a piscifactoría en Meirengos, recibiuno e evidentemente non o considerou (posiblemente empregando un razoamento semellante ó do Alcalde) Será porque os fax non teñen validez legal, aínda que a el lle serviran para dar por sentado que tiña algún papel para comezar as obras? Como o que lle mandan neste caso é parar, e non lle interesa, eso de que deberían ter a mesma consideración parece non ser certo. Pero, os funcionarios e políticos implicados, non deberan de obrar coas mesmas consideracións que tiveron no seu momento para dicir 'adiante?
Neste asunto, con paradas e levantamento de paradas, permisos prometidos e débedas de permisos, o 'eu sigo adiante' parece algo máis que unha teimudez por parte de empresa e Alcalde. Parece un dereito asimétrico aplicable segundo se sexa defensor da factoría ou do medio ambiente, segundo se teñan uns apelidos ou outros, un poder (económico ou concedido polo pobo) ou polo contrario unha posible desprotección legal.
Ogallá me equivoque, pero coido que este tema pódese poñer en relación con outros que afectan ó Concello e que están a poñer os dereitos da maioría dos cidadáns patas arriba. O malo é que se venden con boas palabras, prostituíndo o significado de algunha e entón parece que seguimos sendo respetados en troques de asoballados.
En canto á defensa da planta de acuícola, se hai (como poñía a prensa) abondo máis de cen peticións para 14 postos na primeira fase, sobrepásanse no mellor dos casos as 7 persoas por posto, sen entrar en consideración as cualificacións necesarias, por exemplo. É unha empresa privada que en principio non ten restricións sobre o amiguismo aplicable na contratación: Se te queres empregar nela, fixeches xa méritos abondo? fixeches ver ben claro o teu apoio teña ou non todos os permisos? Se non o deixaches ben claro, incluídas cousas como manifestacións a favor, coido que te podes ir despedindo (mellor dito, non empregando alí). Se polo contrario, aínda coas restricións anteriores segues considerando o posto como teu, sería cousa de pensar a posibilidade de exercicio dos teus dereitos unha vez empregado.
Cento e pico persoas forman neste caso unha especie de pequeno exército privado sen necesidade de retribución nin ligazón declarable. E tamén esas cento e pico, menos as que empreguen, forman o xerme dos escaldados pola construcción que se pretende, en caso de que chegue a facerse (sigo a dubidar que as catorce sexan permanentes, para canto máis a ampliación ata vinte).
Lémbrome cando, na construcción do recheo nos noventa, alguén me dixo algo así como: 'van crear postos de traballo. Sexan benvidos, pase o que lle pase á ría'. O recheo fíxose, a ría perxudicouse e os postos de traballo quedaron no que quedaron, anos despois de feita. A parte, o perxuizo económico no sector turístico (nunca cuantificado porque non interesa facer estudos sobre o tema que podan culpar a persoas), ou sobre o calado da ría (ó que hai que aplicarlle un razonamento semellante). Eso si, os cartos destinados xa non os hai para que rindan mellor, e a ría non ten palabra porque non se lle concede.

Ningún comentario: