20051127

Quen manda aquí? (en resposta a unha acusación)

A pouco de comezar o meu artigo titulado 'Quen manda aquí?', publicado en días pasados, dicía: “Onte entereime...”. A falta de ter a man un dicionario galego equivalente, se miramos no Diccionario de la Real Academia Española, 'enterar' significa “Informar a alguien de algo o instruirlo en cualquier negocio”. Pois ben, o día 22, martes, informáronme por escrito (o mesmo que a outra xente e á prensa, e do que gardo copia) así como verbalmente do básico do que poño no meu artigo aparecido días despois.

Paso de facer máis razonamentos sobre o tema do artigo antes citado, non quero que esto despiste de outros problemas do Concello, ou de outras novas que apareceron na prensa estes días relacionadas co mesmo tema. Ademáis, despois dun escrito de Balbino Pérez aparecido o domingo 27, quérome referir ás imputacións que se me fan de mentira continuada.

Ocupar a cadeira de alcalde parece que comunique un xeito de mirar ós demáis, dende arriba. Pode derivarse de que o alcalde ten como tarefa gobernar un pobo, o que certamente o convirte nunha especie de cabeza do mesmo. Nembargantes, o goberno é como servidor público, e non ó reves, o pobo servidor do alcalde. É convinte lembrar isto á beira de que ninguén é perfecto (incluídos calquera sr. alcalde e máis eu) e tamén á beira de distinguir ben calumnias e opinións sobre feitos noticiados.

Dun xeito rápido, no que a min concerne deixarei agora tamén a parte actuacións e promesas feitas polo alcalde ó pobo de Ribadeo, así como imputacións de mentiras feitas a outra xente. Xa vai para un ano que por escrito minimicei e disculpei por mala información que Balbino Pérez me acusara de mentir sobre outro tema. Dende aquela, voltou ó intento máis veces acusándome de mentir, e aínda lembro a miña presentación inmediata de testemuñas que verificaron o que eu dicía baixando a escalinata do pazo municipal. Esta vez, fíxoo no título e repetidamente no interior dun artigo publicado. Prégolle públicamente de bó xeito, pero firmemente, que se disculpe de xeito público por chamarme mentiroso.

Outras cuestións podémolas discutir, a imputación de mentiroso, non.

Ningún comentario: