20250309

En pleno cambio (un aviso)


 En pleno cambio (un aviso)

     Dende o cambio de ano o blog leva tendo lixeiros axustes. O último, para integra máis o blog no fediverso escapando da dependencia de Google/Alphabet, que notaría quen entre a través de ribadeando.com (ou ribadeando.blogspot.com, ó que vai referido), comezou hai cousa dunha semana, e consiste en pasar a publicar as novas entradas por defecto en ribadeando.gal (ou blogs.amarinha.gal/ribadeando, ó que vai redirixido), co que quen entre no 'vello' blog posiblemente notará unha falta de publicacións recentes. Publicacións ás que pode acceder por exemplo premendo en 'Algunha recomendación', na columna da beira dereita.

    Seguirá habendo cambios, fixo. Tentando mellorar. Aínda que algunha vez (espero que cando asexa así, que sexa de xeito temporal) empeorando...

20250302

7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso

7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso

    Non, non preguntes polos 7291 mortos das residencias madrileñas en pandemia. Pregunta polo impacto da gastronomía galega na presidenta madrileña.

    Coido que o anterior podería tomarse como resume informal da ¿conferencia? que Díaz Ayuso quixo dar en Ribadeo en días pasados, nos Foros de debate do Voar / Sargadelos. Foros polos que leva pasado dende hai anos unha morea de xente, 45 persoas ben coñecidas dende Calvo Sotelo a Isaac Díaz Pardo, e que polo de agora remata con Isabel Díaz Ayuso. Con ela e con José Ángel Salvatierra Rico. Salvatierra non estaba no cartel, non estaba na mesa, pero fixo a intervención necesaria, a máis longa e contestada na quenda de preguntas, e coido que o seu nome debe quedar asociado a esa charla do 14 de febreiro (San Valentín, patrón do amor e ben contraposto ó tema debatido).

    Vaiamos cara ó final da charla, que polo momento se pode ver en Youtube (“X FOROS DE DEBATE : Doña ISABEL DÍAZ AYUSO”). A pregunta preparada polo presentador como remate da sesión era sesuda, para deixar bo sabor de boca á presidenta e á concorrencia: ‘Que le gusta más a Isabel Díaz Ayuso, el lacón con grelos, el pulpo á feira, el marisco o la tortilla de Betanzos?’ A pregunta pódese escoitar aló polo 1:14:30 do vídeo, e hai que tomala como un intento de remate distendido, intranscendente, dunha charla de media hora e unha quenda de preguntas de tres cuartos, quizais alongada un pouco máis para que non quedara mal sabor de boca pola pregunta do protagonista da noite, Salvatierra.

    E imos agora con el. No minuto 55:50 do vídeo comeza a súa pregunta. Aconsello, de querer vela, facelo no vídeo completo e non en algún dos cortes e montaxes que tentan aproveitar a pregunta de xeito combativo. Aconsélloo por varias razóns. A primeira, porque nese vídeo non está retocada, é unha ‘fonte primaria’ sen mediatizar, e polo tanto vese mellor o que pasou. Aconsélloo tamén porque alí se ve o ambiente seareiro que fixo que as cadeiras estiveran ocupadas ben antes do comezo da sesión por afíns políticos da presidenta madrileña, pasando a ser case unha falla organizativa que Salvatierra chegara a estar de pé ó fondo da sala. Aconsélloo para ser conscientes da dificultade de facer unha pregunta desenvolta dun xeito lóxico nesas circunstancias. Non, non digo que sexa un modelo lóxico ou discursivo, por outra banda difícil de manter no ambiente que se palpa, senón máis ben unha pregunta cualificable de normal, iso si, documentada, e ó tempo, valente. A pregunta, sobre os 7291 mortos nas residencias madrileñas, e a resposta, sobre a ‘trufa de intencións políticas’ nunha charla con tema político, sobre a mentira (a pesar de que esa cifra que non acepta, 7291, saíu do gabinete que preside Ayuso) ou a descualificación (dunha persoa que só coñece por unha única pregunta que fixo) como dixen, coido que é ben escoitalas no vídeo máis que facer un resume, e por iso aquí paro.

    Cunha excepción, porque para remate, gustaríame reproducir as últimas verbas de Salvatierra: ‘En recuerdo de los mayores y para que esto no vuelva a ocurrir’.

    O vídeo: https://youtu.be/LdYVjzqTaCQ?t=3330


 

 

20250228

Sobre as notas de prensa do Concello de Ribadeo

Sobre as notas de prensa do Concello de Ribadeo

     Hai tempo que as notas de prensa do Concello, que a finais da primeira década do sećulo foron concebidas como unha ferramenta para transmir ó pobo novas do concello e en xeral un método para pasar o que o poder quería que o pobo asimilara, deixaron de ser o mecanismo de transmisión case exclusivo. É dicir, en parte, hai tempo que deixaron de ter a importancia que chegaron a ter. Só en parte, pois non só o concello pasou a estar nas redes socias (polo momento non en Mastodon -como en amarinha.gal- ou noutra rede libre, que saiba, senón só en redes propietarias como Facebook) senón que volveu incrementarse o número de novas transmitidas de xeito directo, non formal mediante o mecanismo de notas do concello, pero sen que deixara de manterse ou mesmo incrementarse o número de notas emitidas ano tras ano.

    O caso é que o concello (na realidade, o alcalde e o equipo de goberno) segue a transmitir ditas notas cunha frecuencia superior a unha diaria, co que seguen sendo un instrumeto funamental para dirixir a atención a dicdadanía en Ribadeo. Por iso mesmo, continúo coa estatística o mesmo que fixen en anos anteriories, se ben dun xeito máis relaxado. De feito, era a comezos de xaneiro cando soía facer o resume do ano anterior, e desta volta, xa finalizado febreiro, case podo facer un resume do comenzo de ano. Aí vai:

    O 2024 non marcou un máximo anual, senón que quedou de terceiro, se ben a unha distancia mínima do segundo, o 2022. O 2023, ano electoral, segue marcando o máximo de número de notas emitidas pola alcaldía.  O certo é que non ter cambiado a tendencia a final do ano 2024 (despois da ponte da Constitución), non habería moita diferenza entre o nḿero de notas de 2023 e 2024.

    Como se pode observar no gráfico seguinte, a velocidade á que se ían xerando notas aumentou en maio-xuño e logo en outubro-novembro, quedando case en cero cara a finais de decembro.
    En canto á evolución por ano, a pesar da baixada do último ano, está claro que a tendencia é a seguir aumentando.
    Algo que se pode ver tamén na acumulación temporal, contabilizando xa máis de 5000 notas prensa dende que este sistema viu a luz aló polo 2007 de xeito experimental.

    En relación ó que levamos de ano, a tendencia segue o mesmo camiño...




 

20250227

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES. NOTA INFORMATIVA


PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES

NOTA INFORMATIVA

Ribadeo, 20250227

Dende a Plataforma pola defensa das árbores de Ribadeo queremos amosar o noso agrado pola poda realizada esta mañá (xoves 27 de febreiro) na rúa Clemente Martínez Pasarón. Consideramos que se fixo no momento axeitado e respectando as árbores afectadas. Os pequenos defectos observados, como a escasa aplicación de pasta de protección, non invalidan unha actuación que se encamiña cos criterios que vimos defendendo.

Cremos que é conveniente un seguimento do mantemento das nosas árbores por parte da xente do pobo, entre a que nos atopamos, e así o seguiremos a facer.

Por outra banda, felicitámonos polo feito de que as nosas accións en defensa das árbores do noso Concello vaian dando froito.

Recuncho da lectura: Beleza vermella

  Recuncho da lectura: Beleza vermella

     Beleza vermella. Arantza Portabales Santomé. ISBN 9788491513179. Ed. Galaxia S.L. Vigo 2019. 417 px.

    O mesmo que en 'O home que matou a Antía Morgade' (que sería o seguinte da serie de detectives qu comeza con este) coido lle faría faltaun último repaso na procura de pequenos erros que se teñen deslizado na tipografía. A historia, no mesmo que naquel caso, engancha dende o primeiro momento, aínda que desta volta sexa máis externa a ti, lector. De novo, unha novela policíaca complexa en detalles aínda que linear no seu avance. De novo, sinxelamente, recomendable. E dunha autora que, do que levo lido dela, tamén recomendo.

 

20250226

ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

Parece ser que xa está resolto o asunto de “impoñer” un escudo e unha bandeira para o Concello de Ribadeo, sen ter contestado as nosas alegacións. Cuestión de mala educación e falta de ética do goberno con maioría absoluta do PP de Ribadeo, que sigue a fe cega, os “sanos usos e costumes” de non facer caso a ninguén que non sexa da súa corda política.

Quizais pensaron que non era preciso contestar a uns “vulgares veciños” de Ribadeo pois a Comisión de Heráldica estaba formada por personaxes relevantes e con nome propio como son: D. Eduardo José Pardo de Guevara y Valdés, que segundo a descrición de Google é historiador especializado no estudo da nobreza baixomedieval galega e profesor de investigacións do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Outro membro da Comisión, D. Pablo Otero Piñeyro Maseda, licenciado en Historia pola universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 

E por parte da comisión municipal de Ribadeo está: D. Eduardo Gutierrez Fernández, Cronista de Ribadeo e algún concelleiro máis dos que non coñezo o nome.

Pois ben, o escudo e a bandeira que nos propoñen e nos “impoñen” ambas as partes da comisión, é unha absoluta chorrada, pois desvirtúa, escurece e esquece a historia real de Ribadeo.

Non se pode consentir que veña xente de fora a impoñer sentencias inventadas, e encima apoiadas por árbitros locais que parece mentira deles. Polo menos iso creo eu.

Vamos ó asunto. O escudo mantén a colocación das armas e os esmaltes: “En campo de azur ondas de azur e prata en punta, unha chave no abismo colocada en banda co paletón cara á destra e o anel a sinistra, superada por unha estrela de prata”.

As ondas seguen como estaban; á chave “enriquecérona” con tres floreos no anel. Por qué engadiron esta variante na chave orixinal, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda? Quizais por que queda así máis guapiña?

A estrela de oito puntas, de onde sacaron, Señor estudoso do mundo baixomedieval? Aparece nalgún libro ou documento histórico de Ribadeo, señor Piñeyro? Teño a impresión de que nos queren impoñer unha estrela da “bordura compostelán” (oito estrelas de oito puntas), por ser Ribadeo porta marítima principal do Camiño de Santiago. Pois si é así, están inventando, e para inventar e entremeter este argumento, poderían ter posto toda a bordura, como sería debido; pois no caso de facer algo mal, facelo ben e a conciencia.

Por outro lado, non quero pensar que se fixaron nos escudos laterais do Pazo do Xulgado de Ribadeo, onde hai semellanza a un estrela con moitas puntas, cousa que xa comentou Francisco Lanza na súa magnífica obra o “Ribadeo Antiguo”, na que explica na páxina sete (7) o seguinte: “Poco después del año citado (1797), se encargaron al escultor D. Santiago Vaamonde los escudos de cantería que se ven en la fachada de la Casa Consistorial (hoxe Pazo do Xulgado). Los “armeros” locales habían descubierto ya la estrella de cinco puntas que luce sobre la llave del escudo. Pero la estrella no pasó aún a completar las armas populares de Ribadeo, porque el escultor, incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró, en lugar de aquella, un hermoso rodete de espuela, que también podía ser símbolo... En 1833 mandó el Ayuntamiento hacer un sello de bronce dorado, con las armas de la villa en relieve, y en ese sello es donde por vez primera -que sepamos- aparece el escudo tal como hoy se usa”.

Polo tanto a estrela de cinco puntas, é a do escudo de Ribadeo desde fai dous séculos. Onde está o documento que acredita a imposición dunha estrela de oito puntas, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda?. En ningún sitio.

Así mesmo, podemos ver que están impoñendo en toda a comunidade galega o timbre dunha coroa imperial en tódolos escudos municipais, pois é unha coroa real rematada cun orbe. Por qué se admitiu esta disposición, señores estudosos? Acaso Galiza é un imperio?

Polo menos, si se fora coherente coa nosa historia, haber posto a coroa real do Reino de Galiza; non lles parece, estudosos?

Non cabe dúbida ningunha que Ribadeo é un condado desde tempo inmemorial, é foi rubricado como tal en 1369 por Enrique II “O Fratricida ou o das Mercés”, que acababa de asasinar o seu medio-irmán, o rei Pedro I “O Xusto”, chamado “O Cruel” polos nobres casteláns que viron minguados os seus privilexios durante o seu reinado.

Entón si Ribadeo é un condado desde fai oito séculos, con condes tan relevantes como Villandrando que loitaba o lado de Xuana de Arco, fai seis séculos, a qué ven isto de perder a súa coroa propia de conde, e nosa coroa propia dun condado? Coñecen o escudo do Condado de Barcelona?, creen qué terían arrestos para cambiárllela os barceloneses?

Señores estudosos, espero que expliquen pública e claramente todas estas “anomalías”. Non se vaian de “rositas” pensando no “ben que o fixeron” pois foron aplaudidos por...

Referente a bandeira, expliquen tamén por qué se engadiron as ondas de mar en vertical, semellando raios cósmicos dos “marcianitos”, en vez de investigar nos arquivos da Armada Española, cal era o pavillón dos barcos de Ribadeo?. Moitas grazas, e a súa disposición.

Nota: este artigo refírese ó que deixa ver o texto da nota https://www.ribadeo.gal/ribadeo-xa-ten-listos-o-escudo-e-a-bandeira-oficial-a-sua-aprobacion-ira-agora-a-pleno/ , publicada na web do concello do ía 19 de febreiro, na que se da por feito o cambio de escudo e bandeira, e ás alegacións presentadas, das que se deu parte no blog en https://www.ribadeando.com/2025/01/escudo-e-bandeira-de-ribadeo-pancho.html ou en https://www.ribadeando.com/2025/01/ano-novo-escudo-novo.html

20250225

Lingua vital. O que vai de pedir a reivindicar

220225 Queremos Galego remate da manifestación na praza do obradoiro 23 de febreiro CC-BY-NC-SA Ana G. Liste. Collido de https://praza.gal/politica/clamor-masivo-por-un-galego-vital

Lingua vital. O que vai de pedir a reivindicar

     Vexo nun xornal, na súa portada, que milleiros de galegos ‘pedían’ onte, día de Rosalía, por unha lingua vital. No interior, a noticia empregaba outro verbo. Alí, os manifestantes (de novo sen número preciso), ‘reivindicaban’. As verbas cárgaas o diaño, aínda que poda ser máis evidente o que se decide dicir e o que se decide non dicir. Vexamos se non o dicionario da RAG.

    Alí, 'Pedir' é facer coñecer a alguén o que se desexa que dea, conceda ou faga, manifestar o desexo de, solicitar aos pais o permiso (para casar coa filla), desexar ou esperar obter algo de..., solicitar ou suplicar esmola... Os sinónimos van de pregar e rogar a mendigar. Habería que ver o significado concreto que tiña na mente o redactor do titular, que hai abano abondo, pero a deriva xeral do termo coido que está abondo clara.

    Imos polo outro termo. No dicionario da Real Academia Galega aparece 'Reivindicar' como pedir ou esixir unha cousa á que se cre ter dereito. Pode que clarifique máis o único sinónimo que aparece: reclamar. Xa non se trata da posibilidade de desexo, de concesións, de esperar obter, de solicitar, de suplicar, de mendigar. Non. Reclámase ou esíxese a aplicación dun dereito.

    Na práctica, a diferenza está en que os manifestantes non mendigaban, algo que enfocaba o primeiro titular a pesar da foto adxunta que indicaba algo do tamaño da manifestación. Non, os participantes eran conscientes dun dereito do que reclamaban a súa aplicación. Algo que só aparecía no titular do interior do xornal. Reclamábano aplicando a reclamación: o galego, reclamado como lingua vital, foi reclamado en galego, vitalizando a lingua. Claro que o xornal ó que me refiro non acostuma a usar o galego se non é moi por tras do emprego do castelán. Será entón a explicación do mal uso das palabras a súa pouca mestría en galego? Tras botar unha ollada ó dicionario da Real Academia Española, diría que non, que non hai lugar a confusión porque en castelán hai diferenzas semellantes entre as palabras...

    Antes de continuar, de novo o dicionario para recalar en 'vital': relativo ou pertencente á vida. Que é necesario para a vida. É dicir, esencial. Mais tamén pode ser ‘que demostra vitalidade’, é dicir, a característica do que ten moita actividade, de quen actúa con enerxía e decisión. Iso, polo de 'lingua vital'. Os manifestantes tíñano claro: o galego é unha lingua vital. Aínda que mirando as estatísticas poda dicirse que xa o ten sido máis e que leva camiño cara a deixar de selo.

    E aquí, a continuación: 'non só se defende a lingua tras dunha pancarta'. Esa cita, segundo o xornal, do conselleiro do ramo, quere orientar a unha visión na que 'os que van tras a pancarta' só defenderían a lingua dese xeito, mentres que quen non está detrás dela -como o conselleiro- tería toda unha gama de posibilidades que estaría usando. Sen entrar na cuestión de que defender implica un recoñecemento implícito de que está a ser atacado, polo momento, desa defensa pola súa parte, o que hai é -só e evidentemente- que non ía detrás da pancarta. O resto de feitos indicarían máis ben que está a favor de mínimos para o galego, non da súa ‘defensa’.

20250223

Celebración do día de Rosalía en Ribadeo 2025

    Este sábado 22 de febreiro a A.C. Francisco Lanza celebrou o día de Rosalía. Cun pouco de antelación para non coincidir coa manifestación en Santiago en defensa da lingua, arredor dun xantar en base ó caldo de gloria (inspirado no seu poema 'Miña casiña, meu lar') no material, e á confraternidade no que poderiamos chamar espiritual, desenvolvéronse unha serie de actividades, entre as que estiveron lectura de poesías polos máis pequenos, a estrea dunha peza musical de Eli García Bouso, acompañado por Toño Martínez, ou a interpretación de Farruco Graña acompañado dos anteriores, antes do xantar. E, despois, un pequeno recital libre, de poemas de Rosalía.

    Adxunta queda algunha foto, tres vídeos (ó non quedar gravado completo a peza de estrea, adxunto tamén a peza completa interpretada por Eli e a súa filla Mariña, nun vídeo que me pasou o autor), o cartón da celebración e o mantel, tamén ambos deseñados para a ocasión, este último co ramiño de heliotropo, a flor preferída de Rosalía, que nos atopamos ó chegar á mesa. [Unha nota: como complemento, achégase ó final unha foto de Pancho Campos da manifestación do día 23 pola lingua, en Santiago, xa na praza do Obradoiro].

    A tarxeta da comida:


    O mantel:
 

    Os vídeos:




    O día seguinte, en Santiago, 60 000 persoas...